A contorna

Leer en castellano  

A finca na que a empresa Toysal pretende construir a súa planta de residuos está localizada tan só a uns 250m da estrada N550 á altura da Casalonga, situándose algunha das casas máis achegadas a uns 230m da finca. Na contorna e rodeando todo o monte no que se sitúa a antiga canteira de áridos atópanse os lugares de O Vilar, O Faramello, Rúa de Francos, Casalonga, Osebe, Ameneiro, Texexe, Socastro, Mouromorto, O Casal, Cantoña e Cornide, os mais próximos a menos de 500 m do seu perímetro e todos a menos de 1000m. A poboación media de cada un destes lugares supera os 200 habitantes, situando nesta zona cero a máis de 2000 persoas.

Se ampliamos o radio a 2000m da canteira as parroquias afectadas son Luou, Lampai e Calo no Concello de Teo, Bugallido e Ortoño no Concello de Ames, Bastavales en Brión, Cruces en Padrón e Santa María de Ribasar en Rois. Suman os habitantes destas parroquias máis de 20.000. No conxunto dos 5 concellos afectados directamente viven 69.000 persoas

O seguinte radio de afección, ben pola calidade das augas e o aire, ben polo tránsito de camións pesados ou ben polos cheiros levados polos ventos predominantes inclúe xa ós concellos de Santiago, Pontecesures, Valga e todos os da ría de Arousa situando arredor de 300.000 os potenciais afectados.

No tocante ós servizos existentes na contorna destacan en primeiro lugar a escola da Casalonga (900m), o colexio de Calo(1600m) ou o Complexo Xerontolóxico O Castro (1300m) e o centro de saúde (2200m). Outro dato a resaltar é a existencia de varias casas de turismo rural a menos de 1000m, un albergue de peregrinos público e varios establecementos adicados ó servizo dos peregrinos a menos de 2 km. Ducias de establecementos de restauración e hostalaría ó longo da N550 e a CP0205 que centran a actividade económica no sector servizos en toda a contorna. A Todo isto súmase o feito de o camiño portugués discorra uns 3 km entre o Faramello e Raíces con vista directa ó outeiro no que se situaría a planta, chegando a estar a uns 500m e situándose o albergue de peregrinos localizado en Teo a 700m dirección suroeste (na liña dos ventos predominantes).

A actividade agrícola é intensa en tódolos lugares que rodean á Canteira, aínda que a produción está adicada case integramente ó autoconsumo (hortas e viñas tradicionais).

No referente ós elementos patrimoniais da contorna, de novo a localización preséntase como nefasta dada e existencia nun radio de 2km de dous castros, catro carballeiras, varias agrupacións de petróglifos, varias capelas e cruceiros, un viacrucis, varias mámoas, unha ponte romana e varios núcleos protexidos. Destacan ademais varias edificacións civís singulares como os pazos do Faramello ou Adrán, ou as casas de agricultores e gandeiros de Luou ou Calo. Todo isto fai que a zona aumentara nos últimos anos o número de visitantes dada a posta en valor dos elementos citados levada a cabo tanto polas institucións como por asociacións e particulares da zona.

Castros: Castro Mouro a 900m e Castro Lupario a 1200m

Carballeiras: A Carballeira de Francos a 700m e as de Cornide a 400m e 600m respectivamente e a de Luou a 1800m

Petróglifos: Monte do Corgo, Cornide, mouromorto, pena bicuda de Loureiro, pena bicuda de Regoufe, chan de pouso, Fondao

Capelas: Capela dos Milagros e desamparados, Capela da Rúa de Francos, Capela do Pazo do Faramello. Igrexa parroquial de Calo (1500m), Igrexa parroquial de Luou(1800m)

Mámoas: Mámoa de trasellas 1500m, círculo lítico da eira dos Mouros, monte piquiño